A Deputación colabora con XOGA para o servizo de intérpretes de lingua de signos na provincia

Pontevedra
07 de xullo 2021

A deputada de Cohesión Social, Olga García, visitou a sede da organización para coñecer de preto os servizos nos que traballa e os programas que desenvolve

Visita á sede de XOGA
Visita á sede de XOGA / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra volve a colaborar coa Organización de Diversidade Sensorial de Galicia, Xoga, cunha achega de 10.000 euros para a posta en marcha do "Servizo de Intérpretes e Guía-Intérpretes de Lingua de Signos da provincia de Pontevedra", unha iniciativa da que estanse a beneficiar en torno a 300 persoas de 44 concellos. 

A deputada de Cohesión Social, Olga García, visitou este mércores a sede da asociación na Casa Azul de Pontevedra onde coñeceu de preto os servizos e programas que desenvolve, moitos deles en colaboración coa institución provincial.

Trátase dunha axuda técnica para suprimir as barreiras de comunicación e unha ferramenta fundamental para conseguir unha maior integración destas persoas nunha sociedade maioritariamente oínte, axudándoas a superar situacións de desigualdade e desvantaxe fronte ao resto da cidadanía. O servizo está dirixido tanto a persoas con diversidade sensorial como a institucións que precisen de xeito puntual dunha persoa intérprete de lingua de signos para poder manter unhas relacións óptimas tanto a nivel persoal, como social ou xurídico.

Ademais a través deste servizo subvencionado pola Deputación, permítese que a intérprete de lingua de signos substitúa o acompañamento sobreprotector da persoa xorda, xordocega ou con perda auditiva por parte de familiares ou amigos. Así, elimínase a dependencia afectiva que se produce ao tempo que tamén se consegue que a persoa xorda, xordocega ou con perda auditiva teña unha participación activa, voz propia e tome as súas propias decisións de xeito autónomo e independente.