A Deputación contesta á Xunta polos temporais: "isto é o mundo ó revés"

Pontevedra
09 de febreiro 2017

O grupo provincial socialista presentará no pleno da Deputación unha moción instando á Xunta a atender as reclamacións dos concellos polos danos dos temporais

Pleno da Deputación de Pontevedra
Pleno da Deputación de Pontevedra / Mónica Patxot

O voceiro socialista na Deputación de Pontevedra, Carlos López Font, esixiu este xoves ao delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, "que non engane á cidadanía" e atenda as reclamacións dos concellos polos danos acontecidos tras os temporais da última semana.

O deputado socialista lamenta que o delegado da Xunta use as súas visitas oficiais aos concellos afectados polos temporais para "enganar" á veciñanza, "descargando a súa responsabilidade sobre a Deputación, cando ten que ser a propia Xunta a encargada de restituír os danos causados polo vento e a chuvia".

Segundo Carlos Font, "isto é o mundo o revés. Quen ten que poñer o diñeiro para repoñer os danos acusa aos demais de non facer nada, e ¿el que fai? ". Font mantén que a presenza de uralitas de fibrocemento, material tóxico prohibido na Unión Europea por conter fibra de amianto, en certas construcións en Galicia ten que ser abordado pola propia Xunta de Galicia cun plan para a súa retirada progresiva.

O grupo provincial do PSdeG vai presentar na Deputación unha moción para instar á Xunta a atender as demandas dos concellos polos danos causados polo vento e a chuvia e tamén para a retirada destes materiais tóxicos.

Na moción tamén se pide á Xunta de Galicia que, en coordinación coa FEGAMP, aprobe un protocolo de resposta, que estableza os mecanismos de atención e reclamación, ante calquera situación de emerxencia que se produza en Galicia. Tamén, exixe ó goberno galego una liña de axudas para dar resposta aos danos provocados polos temporais nos espazos e servizos públicos, e que estes sexan repartidos entre os concellos de forma obxectiva .

O apartado da mellora das infraestruturas eléctricas nas parroquias dos concellos para evitar a caída do servizo e o asesoramento do Instituto Galego de Consumo aos usuarios para reclamar as compañías subministradoras son outros dos puntos desta moción.