A Deputación convoca a mesa provincial da bicicleta

Pontevedra
19 de abril 2017

A xuntanza terá lugar o mércores 26 no Pazo provincial e están convocados unha decena de colectivos e institucións

Bicicletas adornando as fachadas da rúa Michelena
Bicicletas adornando as fachadas da rúa Michelena / Juan Mejuto

Co gallo do Día da Bicicleta, que se celebra o 19 de abril a nivel mundial, a Deputación de Pontevedra súmase ás reivindicacións propias desta xornada, entre as que destacan a promoción do uso deste medio de transporte, e a defensa dos beneficios que reporta para a saúde e para a mobilidade sostible.

En concordancia con estes postulados, o departamento provincial de Mobilidade ten programada para o vindeiro 26 de abril a primeira xuntanza da Mesa Provincial da Bicicleta.

A esta reunión están convocados unha decena de colectivos e institucións, entre as que se contan, ademais da propia Deputación - representada polo deputado de Mobilidade, Uxío Benítez -, a Dirección Xeral de Tráfico, a Axencia Galega de Infraestruturas, a Federación Galega de Ciclismo, 'Cero emisiones, 'Rurban', 'Arousa en bici', Bicicleando', 'A golpe de pedal', e 'Pedaladas'. A xuntanza terá lugar o vindeiro mércores pola mañá no Pazo Provincial.

A Mesa Provincial da Bicicleta é unha iniciativa que se concibe como un punto de encontro para que asociacións e administracións poidan traballar de xeito conxunto na mellora das estradas e a prol dunha correcta convivencia entre os diferentes tipos de desprazamentos e dun cambio de usos cara a mobilidades cotiás máis amables.

Enmárcase, ademais, nunha política de Mobilidade en consonancia coas demandas urbanísticas, medio ambientais e sociais de máximo respecto ao territorio e ao patrimonio construído e de proporcionalidade entre medios e fins.

Esta primeira convocatoria inclúe entre os principais puntos na orde do día a presentación da Mesa Provincial da Bicicleta como órgano de participación e consulta cidadá, a promoción da rede EUROVELO a Galicia, os puntos de intervención básica na rede provincial de estradas e o plan provincial de itinerarios pola Mobilidade en Bicicleta.

A convocatoria responde ademais ás demandas plantexadas na xuntanza do pasado verán e que servira como unha primeira toma de contacto entre a Deputación e diversos colectivos para impulsar esta iniciativa.