A Deputación convoca unha concentración contra os ataques machistas

Pontevedra
08 de outubro 2018

O acto de protesta terá lugar o mércores ás 20.00 horas no encontro das rúas Daniel de la Sota coa Peregrina

Concentración na Deputación polo 8 de marzo
Concentración na Deputación polo 8 de marzo / Deputación de Pontevedra

O servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra convocou para este próximo mércores unha concentración de condena de todo tipo de comportamentos e ataques machistas ás mulleres, especialmente do machismo institucional dos cargos públicos.

Baixo o lema de "Machismo institucional. Nin un minuto máis", a concentración xurde en repulsa aos últimos insultos machistas do alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, e para reclamar o "cesamento inmediato de calquera comportamento relacionado coas violencias machistas e coas distintas formas de discriminación e violencia que sufrimos as mulleres".

A protesta terá lugar este mércores as 20.00 horas no encontro da rúa Daniel de la Sota coa rúa Peregrina, na cidade de Pontevedra.

Nun comunicado difundido pola administración provincial infórmase que esta concentración, á que se convoca a toda a cidadanía, enmárcase nas "habituais convocatorias" da Área de Igualdade da institución provincial, "desde a chegada deste goberno á Deputación de Pontevedra", como "protesta e en resposta a cada comportamento machista e de ataque ás mulleres polo feito de selo".