A Deputación de Pontevedra vai poñer en marcha un plan de rehabilitación de firmes para as estradas provinciais cun orzamento anual de preto de 4,4 millóns de euros.
Segundo anunciou este xoves o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, o acordo marco para contratar as obras aprobarase o venres no pleno da corporación debido á súa alta contía, e será prorrogable ata 2021, cando o investimento chegará aos 19,6 millóns de euros.
Benítez explicou que a Estratexia de Mobilidade 3.0 da Deputación contempla un programa de mobilidade segura no que o labor de conservación e mantemento da rede viaria provincial é prioritario.
Neste sentido, o deputado subliñou que as infraestruturas viarias sofren problemas nos seus firmes de xeito puntual, con afundimentos, peraltes defectuosos, pavimentos deslizantes en curvas ou fendas derivadas do uso que é necesario atallar de forma efectiva.
"Precisamos instrumentos que garantan o bo estado da rede provincial de estradas, que nos fagan ser áxiles á hora de actuar e que funcionen con garantías", dixo, para explicar que a intención da Deputación é convocar un acordo marco xeral que regulará a contratación das obras de conservación dos firmes.