A Deputación destinará 220.000 euros para continuar profesionalizando as oficinas de Turismo Rías Baixas

Pontevedra
19 de marzo 2022

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres subvencións, por valor de 220.000 euros e por concorrencia competitiva, para a prestación dos servizos de información e atención ás persoas visitantes na rede Info Rías Baixas

Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas
Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas / Juan Mejuto

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres subvencións, por valor de 220.000 euros e por concorrencia competitiva, para a prestación dos servizos de información e atención ás persoas visitantes na rede Info Rías Baixas. 

Ademáis están tamén en marcha proxectos para avanzar na dixitalización das oficinas da rede, impulsar a calidade da información turística e recoller datos seguindo os procedementos do big data, tratando a información para tomar decisións intelixentes.

A Deputación de Pontevedra ten sumadas á súa rede 33 oficinas, 30 en concellos e 3 de Turismo Rías Baixas, e 11 delas conseguiron a Q de calidade. Todas elas poderán beneficiarse destas axudas que a Xunta de Goberno vén de aprobar e que permitirán contribuír ao financiamento dos custos salariais de persoas empregadas públicas que presten servizos de atención ao público ou daqueles derivados da contratación da prestación deste servizo. 

Amais, ao longo do ano, a institución provincial tamén se encargará de dotar de vestiario ao persoal que atenda as oficinas da rede, así como de subministrar o material turístico, sinalizar os espazos de información e instalar tótems dixitais interactivos en 21 destas oficinas no marco do proxecto Tourist Inside que financia Red.es.

Os recursos que recibirán as entidades beneficiarias destas subvencións oscilarán entre os 7.000 euros (para afrontar os custos dunha persoa traballadora) e os 14.000 euros (aos que optarán aqueles concellos declarados “municipios turísticos” que poderán optar a axudas para ata dúas persoas). 

Para beneficiarse destas axudas as persoas que atendan as oficinas de turismo da rede Info Rías Baixas deberán contar coa Diplomatura ou Grao en Turismo; Ciclo Superior en Guía, Información e Asistencia Turística; Ciclo Superior en Comercialización Turística e Guía; e Certificado de Profesionalidade en Promoción Turística Local e Información ao visitante.