A Deputación e a Universidade de Vigo renovan o convenio para complementar as bolsas do programa Erasmus+

Pontevedra
18 de decembro 2019

O convenio permite subvencionar 100 bolsas de 1.000 euros cada unha que complementan ás bolsas de Erasmus e ás bolsas propias de intercambio da Universidade de Vigo durante este curso

Acto de sinatura do convenio entre a Deputación e a Universidade de Vigo
Acto de sinatura do convenio entre a Deputación e a Universidade de Vigo / PontevedraViva

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, asinaron este mércores a terceira edición do convenio para a promoción da mobilidade internacional do seu alumnado.

As achegas distribúense en 90 bolsas destinadas para os bolseiros do programa Erasmus+ (en universidades europeas) e outras 10 para os beneficiarios das bolsas propias de intercambio da Universidade de Vigo (noutras institucións de países estranxeiros).

O convenio permite subvencionar 100 bolsas de 1.000 euros cada unha que complementan ás bolsas de Erasmus e ás bolsas propias de intercambio da Universidade de Vigo durante este curso. 

A sinatura tivo lugar no Pazo Provincial da Deputación e asistiron a vicerreitora María Isabel Doval, a alumna Tania Pereira (beneficiaria dunha bolsa) e o profesor do IES Luis Seoane de Pontevedra Modesto Rozas.

A presidenta da Deputación de Pontevedra recordou que o convenio entre a institución provincial e a universidade xorde dunha situación de crise económica, onde se recortan recursos para a universidade "o que estaba impedindo que moito alumnado non puidese acceder ao programa Erasmus+".

Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo fixo fincapé na importancia do programa Erasmus + salientando que "é o programa que máis está a facer por construír unha Europa que sexa garantía de paz, de progreso, de desenvolvemento social e xustiza".

En total, a Deputación de Pontevedra leva investido na promoción da mobilidade internacional da Universidade de Vigo 350.000 euros que permitiron que 350 alumnos puidesen completar a súa formación académica no estranxeiro. 

ERASMUS+ PRACTICUM DEPO

A presidenta tamén afondou no proxecto propio da institución provincial, o Erasmus+ Practicum Depo, no que se levan investido 2,5 millóns de euros nesta iniciativa que está a permitir que 350 alumnos e 40 profesores de FP poidan realizar mobilidades noutros países da Unión Europea. 

A presidenta puxo en valor esta iniciativa que está "ligada á actividade laboral e á formación".