A Deputación e a Xunta crearán unha comisión de traballo para mellorar os servizos de emerxencias

Pontevedra
05 de outubro 2017

A presidenta e o director xeral de Emerxencias da Xunta recoñeceron que existe un problema na provincia de Pontevedra coas zonas de sombra que contempla o mapa de emerxencias e os tempos de resposta polo que se trata dun dos temas prioritarios que tería que abordar a comisión

Carmela Silva e Luis Menor
Carmela Silva e Luis Menor

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o director xeral de Emerxencias da Xunta, Luis Menor compareceron xuntos este mércores en rolda de prensa para explicar o acordo adoptado no pleno do Consorcio Provincial de Extinción de Incendios, para a creación dunha comisión técnica propia de Pontevedra que analice as especificidades dos servizos de emerxencias.

A presidenta e o director xeral recoñeceron que existe un problema na provincia de Pontevedra coas zonas de sombra que contempla o mapa de emerxencias e os tempos de resposta polo que se trata dun dos temas prioritarios que tería que abordar a comisión, ao igual que a mellora e optimización dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal, que conclúen a súa vixencia a metade do ano 2018.

"É necesario saber como cubrimos o servizo que prestan estes equipos, mellorar e optimizar os seus recursos serán os temas que se abordarán nesta mesa", sinalou Carmela Silva. 

A provincia de Pontevedra da este paso unha vez que foi constituída a mesma comisión a nivel galego onde estarán presentes as catro deputacións, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a Xunta. "É unha boa noticia", salientou Carmela Silva.

Luis Menor subliñou que, no caso da comisión da provincia de Pontevedra, abordará aqueles aspectos máis específicos plantexando aquelas solucións máis reais para arranxar os problemas detectados sobre as zonas de sombra e nos tempos de resposta dos servizos de emerxencias. "E se hai que negociar comarcalizacións negociarase comarcalizacións", engadiu.

O estudo realizado polo xerente do consorcio de extinción de incendios servirá como base para este análise dos tempos de resposta e as necesidades para garantir unha correcta prestación do servizo, tal e como manifestou Carmela Silva "non é unha comisión de estudo para alongarse no tempo e marear a perdiz", dixo. "Vai ser moi rápido", engadiu.

O pleno celebrado este xoves tamén aprobou o orzamento do consorcio que para o ano próximo será de 3,3 millóns de euros que financiarán ao cincuenta por cento pola Xunta e a Deputación.