Os prazos anunciados polo novo goberno da Deputación para a reforma integral da avenida de Luis Rocafort "estanse a cumprir escrupulosamente", sinalou este xoves a presidenta da administración provincial, Carmela Silva, durante a sinatura do acordo para a reforma da avenida Luis Rocafort.
Carmela Silva, acompañada polo deputado responsable do proxecto, Uxío Benítez, asinou co alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, o convenio para que nas vindeiras semanas se inicie a contratación dos traballos.
Agárdase que o próximo verán os veciños e turistas da vila do Salnés poidan xa utilizar un espazo público "no que as persoas, e non os coches, serán as protagonistas".
A presidenta Carmela Silva quixo deixar claro na súa primeira visita institucional ao Concello de Sanxenxo que os gobernos locais son os protagonistas para o goberno provincial.
Pola súa banda, o alcalde de Sanxenxo agradeceu o esforzo realizado pola Deputación para levar adiante a obra da estrada incorporando importantes melloras de mobilidade, accesibilidade e seguranza viaria e ampliando a actuación a todo a vía, a diferencia do recollido no proxecto inicial da anterior corporación.
O novo proxecto para a avenida Luis Rocafort conlevou un grande incremento do orzamento. A institución provincial pasará de aportar 606.000 euros a achegar máis de 1,15 millóns de euros, o que supón o 70% da inversión total na rúa (1,65 millóns de euros).