A Deputación e o Náutico de San Vicente lanzan o ciclo de concertos "Momentos Rías Baixas"

Pontevedra
06 de agosto 2021

O programa levarase a cabo entre o 10 e o 14 de agosto con dúas actuacións diarias e secretas ás 13 e ás 20 horas

Carmela Silva e Miguel de la Cierva, do Náutico do Grove, presentan o ciclo de concertos "Momentos Rías Baixas"
Carmela Silva e Miguel de la Cierva, do Náutico do Grove, presentan o ciclo de concertos "Momentos Rías Baixas" / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra alíase co Náutico de San Vicente para elevar a aposta do emblemático local do Grove pola música en directo nun espazo natural e privilexiado. Entre o 10 e o 14 de agosto, nas instalacións que dirixe Miguel de la Cierva, celebraranse dous concertos segredos ás 13 e ás 20 horas cada día.

O ciclo Momentos Rías Baixas foi presentado este venres pola presidenta Carmela Silva xunto ao responsable do Náutico. A decisión de non desvelar o nome dos artistas pasa por manter o factor sorpresa, evitar aglomeracións e, ao mesmo tempo, elevar a asistencia aos concertos de artistas emerxentes, explicou de la Cierva.

Pola súa banda, Carmela Silva explicou que a colaboración do ente provincial con esta iniciativa enmárcase "nosa liña de apoio a iniciativas de turismo de emocións, multiexperiencial e sustentable, como é o do Náutico, que une a nosa marca turística coa cultura musical, os recursos naturais, e a gastronomía, e que nos posicionan como un turismo único e diferenciado".

O responsable do Náutico explicou tamén que traer ás Rïas Baixas a artistas de talla nacional serve tamén para promocionar o turismo. "Os propios artistas convértense en prescriptores turísticos nas súas redes sociais e o propio Náutico coas nosas publicacións, sendo así actores prolíficos da natureza e dos valores do territorio", dixo de la Cierva. 

XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno celebrada este venres no Pazo Provincial serviu tamén para aprobar a concesión dun millón de euros do Plan Concellos a diversos municipios, entre eles Meis, Marín e Bueu. Este último recibirá 350.000 euros para a mellora enerxética e ampliación do pavillón, ademais dun proxecto de axardinamento do antigo cemiterio. Marín recibirá 159.000 euros para rehabilitar un depósito de auga e Meis, 202.000 euros para saneamento.

Doutra banda, a presidenta deu conta dos resultados da campaña promocional en redes sociais e medios dixitais da Deputación, que no mes de xullo alcanzou un total de 5,4 millóns de impactos.