A Deputación entrega os presupostos de 2015 á oposición para o seu estudo

Pontevedra
18 de novembro 2014

O próximo venres discutiranse nunha comisión informativa previa ao Pleno Provincial na que se someterán a votación

Santos Héctor, César Mosquera e José Manuel Figueroa
Santos Héctor, César Mosquera e José Manuel Figueroa / PontevedraViva

Os voceiros dos tres grupos políticos con presenza na corporación provincial da Deputación reuníronse este martes para coñecer os primeiros detalles dos presupostos da institución para o ano 2015.

A oposición coñece así un avance do texto que será discutido o próximo venres, 21 de novembro, nunha comisión informativa antes de someterse a votación, en dúas semanas, no Pleno Provincial.

Segundo explicou o vicepresidente da Deputación, José Manuel Figueroa, o presuposto "está baseado fundamentalmente na creación de emprego, hai destinados máis de 7 millóns de euros para este capítulo".

Ademais Figueroa incidiu de novo na amortización de débeda, que será de 13 millóns na próxima anualidade para deixar a cifra total en 40 millóns.

Pola súa banda os voceiros de Partido Socialista e Bloque Nacionalista Galego realizaron unha primeira valoración pero "a de fonfo non podo facela aínda, haberá que estudalos pero semella que hai un recorte brusco en investimentos", sinalou o representante do BNG, César Mosquera.

O socialista Santos Héctor comentou tras esta reunión que "algunhas das partidas que vimos, como ás de emprego, vémolas positivas", pero se reservou unha análise máis profunda para o debate en sesión plenaria.