A Deputación estudará "de forma inmediata" a situación do servizo contra incendios

Pontevedra
31 de marzo 2016

Carmela Silva reuniuse este xoves co novo xerente do Consorcio Contra Indencios, Roberto Jorge Correa, e explicou que buscarán medidas para mellorar o servizo nos parques provinciais mentres non se resolve a proposta feita á Xunta de recuperar a súa xestión directa e actualizar o mapa de xestión de emerxencias

Reunión de Carmela Silva co xerente do Consorcio Contra Incendios, Roberto Jorge Correa
Reunión de Carmela Silva co xerente do Consorcio Contra Incendios, Roberto Jorge Correa / Deputación de Pontevedra

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, reuniuse este xoves co novo xerente do Consorcio contra Incendios, Roberto Jorge Correa, para analizar a situación actual de parques provinciais de emerxencias.

Tras a mesma, a dirixente provincial explicou que estudarán "de forma inmediata" as medidas que se poden tomar para mellorar o servizo mentres non se avanza na recuperación da xestión directa dos parques e a mellora do mapa de emerxencias autonómico, proposta trasladada recentemente á Xunta de Galicia.

Mentres tanto, conscientes de que hai zonas que se atopan a unha importante distancia dos servizos contra incendios, toca tentar que a resposta sexa "o máis eficaz e áxil posible".

O novo xerente, que realizará o seu traballo desde as instalacións da Deputación en Pontevedra, encargarase ademais de "realizar unha analise xurídica e técnica" da viabilidade de recuperar a xestión directa e pública do servizo contra incendios provincial, que ten bases en Bueu, Ribadumia, Vilagarcía e Porriño.

O novo xerente foi o único en presentarse ao concurso-oposición convocado para ocupar o posto. É enxeñeiro forestal e ten experiencia no servizo contra incendios da Xunta de Galicia.