A Deputación implícase na busca dun novo modelo de xestión do lixo para Marín, Vilaboa e Bueu

Vilaboa
21 de agosto 2015

A reunión convocada polo presidente en funcións, César Mosquera, foi un éxito de participación, xa que asistiron tódolos rexedores da zona e unha ducia de concelleiros e técnicos locais

Encontro entre a Deputación e os concellos do Morrazo Deputación de Pontevedra

Os alcaldes da comarca do Morrazo calificaron de "interesante" a proposta da Deputación de Pontevedra para mellorar a xestión do lixo na zona buscando solucións negociadas entre a administración provincial e as locais. O encontro convocado polo presidente en funcións, César Mosquera, serviu para poñerse a disposición total dos concellos e sacar adiante novos sistemas de tratamento que permitan reducir a xeración de residuos e o custe do seu tratamento a través de fórmulas de compostaxe de diferentes dimensións.

A Deputación estaría disposta a botar a andar eses proxectos asesorando a súa elaboración e, según as peticións locais, facéndose cargo da súa adxudicación, xestión, así como do financiamento inicial para a posta enmarcha e incluso do cobro dos recibos aos veciños. O requisito para esa colaboración provincial sería que os concellos terían que elixir a tipoloxía e dimensións dos tratamentos e implicarse no seu mantemento posterior.

A xuntanza foi todo un éxito de participación, xa que estiveron presentes os alcaldes de Marín, María Ramallo; Bueu, Félix Juncal; Vilaboa, José Luis Poceiro; Cangas, Xosé Manuel Pazos e Moaña, Leticia Santos, xunto cunha ducia de concelleiros e técnicos locais das áreas de Urbanismo, Medio Ambiente, Obras e Servizos. Trátase da reunión con máis asistentes das que a Deputación leva realizado ata o de agora polas comarcas da provincia a pesar de ser a de menor número de municipios convidados.

Pola parte provincial asistiron o vicepresidente César Mosquera, os deputados Xosé Leal e Chelo Besada, así como os asesores en materia de residuos, Carlos Pérez, e en materia de mobilidade, Jesús Fole.