A Deputación impulsa unha alianza para que os concellos capten fondos europeos para o turismo deportivo sostible

Pontevedra
23 de maio 2023

A iniciativa servirá para beneficiar aos concellos á hora de atraer recursos comunitarios para mellorar as súas instalacións deportivas, ao abeiro da vindeira convocatoria do Consello Superior de Deportes para o fomento do turismo deportivo sostible

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra / Deputación de Pontevedra

A próxima convocatoria do Plan de Recuperación do Goberno de España para o fomento do turismo deportivo sostible contará cun orzamento total de máis de 36 millóns de euros dos fondos europeos Next GenerationEU. Esta convocatoria servirá, entre outras actuacións, para a mellora das instalacións deportivas municipais.

A Deputación de Pontevedra convocou unha liña extraordinaria para a contratación de asistencias técnicas para optar a esta convocatoria do Consello Superior de Deportes á que se acolleron un total de 28 concellos da provincia.

A presidenta, Carmela Silva, avanzou este martes que, como continuación a esa iniciativa e "consciente de que hai que facer enormes esforzos para que eses recursos cheguen aos concellos", a Deputación vén de poñer en marcha a Alianza polo Turismo Deportivo Sostible.

Esta iniciativa servirá para reforzar as candidaturas dos concellos na vindeira convocatoria para o fomento do turismo deportivo do Consello Superior de Deportes, xa que os municipios que se integren na nova rede provincial recibirán maior puntuación. 

Desta maneira, a Deputación quere que esta Alianza sirva de panca para beneficiar aos concellos que queiran captar novos recursos europeos do Plan de Recuperación, establecendo obxectivos comúns no desenvolvemento do turismo deportivo e liderando a súa transformación cara un modelo de xestión intelixente, dixital e sostible. 

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora