A Deputación impulsará actividades para compensar as emisións de carbono

Pontevedra
25 de xaneiro 2021

A institución provincial súmase ao proxecto da Rede Española de Cidades polo Clima da FEMP para calcular a pegada de carbono. A presidenta provincial Carmela Silva afirma que se están a dar pasos para cumprir cos retos da Axenda 2030 e desenvolverán accións para reducir o consumo de electricidade, calefacción e papel

Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra
Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra / Mónica Patxot

A Deputación de Pontevedra súmase ao proxecto de 'Cálculo de pegadas de carbono e proxectos de absorción' que impulsa a Rede Española de Cidades polo Clima da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

Carmela Silva, presidenta provincial, considera que esta proposta forma parte da aposta da institución para traballar pola sustentabilidade e dar cumprimento aos retos da Axenda 2030. A idea é dar un paso máis para implicar a outras áreas da Deputación o que xa se está desenvolvendo no Pazo Provincial co rexistro de consumos no marco do sistema de Xestión Ambiental.

A Rede polo Clima da FEMP rexistrará a pegada de carbono que xera a Deputación e despois van desenvolverse actividades que permitan compensar as emisións. Analizarase primeiro a pegada de carbono xerado pola institución provincial co estudo dos datos de consumo das súas instalacións tanto relacionados co gasto eléctrico como de gasóleo e outros combustibles. Tamén se analizará o gasto de papel e a xestión de residuos.

Poñerase en marcha un plan para rebaixar o consumo de electricidade, calefacción e papel, ademais de fomentar o transporte público. Tamén está previsto desenvolver repoboacións forestais ou con actuacións en zonas incendiadas para o restablecemento da masa forestal.