A Deputación de Pontevedra inicia este venres a Facultade Ágora, unha nova ferramenta formativa para que os concellos da provincia transformen o seu espazo público con calidade para as persoas. Están inscritos neste curso máis de 210 representantes políticos e técnicos locais, ademais de preto de medio centenar de profesionais de fóra de Galicia para participar en conferencias maxistrais e casos prácticos sobre como abrir os espazos de vilas e cidades aos veciños..
Na primeira xornada participarán o arquitecto e urbanista José Fariña. Licenciado en Dereito, técnico Urbanista do IEAL, mantén un interesante e activo blogue no que comenta, con fins docentes, múltiples detalles sobre urbanismo, paisaxe e territorio. Impartiu docencia en numerosos cursos de posgrao en España, Italia, Francia e varios países latinoamericanos.
Tamén estará presente Salvador Rueda, presidente da Fundación de Ecoloxía Urbana e Territorial. Licenciado en Ciencias biolóxicas e Psicoloxía pola Universidade de Barcelona, diplomado en Enxeñería ambiental e en Xestión enerxética, especializouse en diferentes aspectos do medio ambiente urbano desde unha perspectiva integral.
No coloquio final participarán o vicepresidente da Deputación e concelleiro de Infraestruturas no Concello de Pontevedra, César Mosquera; o tenente de alcalde e concelleiro da área de Movilidad e Sustentabilidade de Bilbao, presidente da Comisión de Transportes, Movilidad Sostible e Seguridade Viaria da FEMP, Alfonso Gil; e a alcaldesa de Torrelodones entre os anos 2011 e 2019, e actual directora de gabinete do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migración, Elena Biurrun.
Neste seminario o fin será falar do espazo público como un dereito da cidadanía e aproximarse á relación entre a gobernanza e o espazo público localizando os retos e as responsabilidades de cada un, debater sobre as funcións do espazo público e o seu papel dentro da ecoloxía urbana e as particularidades do territorio rururbano desde unha perspectiva de planificación estratéxica, e falar tamén das resistencias que provocan estes procesos así como das estratexias de comunicación que conveñen.