A Deputación de Pontevedra finalizou esta semana os traballos de repintado e mellora da nova sinalización horizontal en 29,7 quilómetros de estradas provinciais de Marín. Esta actuación tivo un custo de 19.134,96 euros.
En concreto pintáronse as estradas Marín-Penizas, Seixo-Santo Tome de Piñeiro, acceso á praia de Loira, e viarias de acceso á praia de Aguete.
Marín prepárase agora para as actuacións de acougado de tráfico do Plan Móvese que consistirán na instalación de 10 pasos de peóns sobreelevados e un reductor de velocidade en catro estradas provinciais, unha mellora valorada en 109.323 euros.
No seu conxunto o plan de mellora da sinalización horizontal promovido polo departamento de Mobilidade, afecta a un total de 226 estradas de titularidade provincial, o que supón case as tres cuartas partes da rede da Deputación, cunha lonxitude de 2.577 quilómetros de pintados, un orzamento total de 1.409.319 euros.