A Deputación de Pontevedra, no marco das actuacións que está a impulsar ao abeiro do Plan Estratéxico de Turismo, comeza esta semana o proxecto para a posta en valor das vilas termais da provincia.
Máis polo miúdo, a iniciativa ten por obxectivo instalar en localidades coma Ponte Caldelas, Cuntis, O Grove ou Caldas de Reis, paneis en tamaño A3 con códigos QR con información descargable en texto e audios en galego, castelán e inglés.
Cos novos paneis, que se instalarán a petición dos propios concellos nos espazos que consideren máis axeitados para a súa consulta, vanse mellorar os contidos que se achegan ás persoas turistas e visitantes de cada unha destas sete localidades.
Deste xeito, as persoas aloxadas nos establecementos termais poderán obter información sobre todo o potencial histórico, cultural, natural, gastronómico e paisaxístico destes municipios e das súas respectivas contornas.
A Deputación ampliou a posta en valor do termalismo trala súa incorporación, en 2017, á sección de Vilas Termais da FEMP.
Xunto aos paneis informativos tamén se van poñer en marcha accións de promoción on e off line marcadas dentro do Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas.