A Deputación ofrecerá unha mostra rompedora con Barbies reivindicativas, que aspira a ser "secuestrada"

Pontevedra
01 de marzo 2018

O 7 de marzo vai inaugurarse esta mostra sobre a igualdade no vestíbulo do Pazo provincial. Trátase de poesía visual a cargo de Isabel Blanco e Irene Silva con imaxes impactantes que xogan coas famosas bonecas

Presentación da campaña 'Rompe. Xoga en igualdade'
Presentación da campaña 'Rompe. Xoga en igualdade'

As bonecas Barbie son un referente para varias xeracións e agora protagonizarán unha exposición que se inaugura no Pazo Provincial da  Deputación o 7 de marzo ás 12.00 horas. Pero, nesta mostra, as  Barbies cambiarán a súa imaxe de muller obxecto e reivindicarán a igualdade.

"Nin cordas nin princesas", pódese ler nun dos paneis de 'Rompe. Xoga en igualdade', unha proposta de poesía visual que era presentada este xoves pola presidenta Carmela Silva, acompañada pola deputada Isaura Abelairas e polas artistas que desenvolveron a idea, Isabel Blanco e Irene Slva.

A presidenta da Deputación destacou que ningunha administración vai desenvolver un acto tan rompedor como esta mostra que busca sensibilizar ao espectador sobre a discriminación e a violencia que sofren as mulleres. Nos paneis, entre outros temas, van tratarse cuestións como as nais de aluguer, as vodas ou a utilización de zapatos de tacón.

Isaura Abelaira, deputada provincial, explicou que esta proposta xurdiu dun bulebule de ideas e afirmou que a mostra será espectacular e manifestou que desexaba que a secuestrasen, en clara referencia á repercusión que o libro 'Fariña' de Nacho Carretero alcanzou tras a decisión xudicial. Neste sentido, indicou que é tan impactante que é posible que a secuestren.

Neste mesmo sentido manifestouse a escritora e artista Isabel Blanco, que engadiu que no vestíbulo do edificio da Deputación tamén se poderán ver e escoitar declaracións de mulleres a través dun vídeo de denuncia de situacións de desigualdade. Carmela Silva concluíu sinalando que espera que estas obras abran a mente do conxunto da sociedade.

'Rompe. Xoga en igualdade' permanecerá aberta desde o 7 de marzo ata o 8 de abril.