A Deputación organiza unha xornada para visibilizar o liderado das mulleres

Pontevedra
13 de setembro 2016

A Deputación de Pontevedra abriu as inscripcións para participar na xornada “Muller e liderado. Ferramentas e estratexias para mellorar o teu liderado!” que se desenvolverá o vindeiro 29 de setembro na Escola de Igualdade María Vinyals, localizada no Castelo de Soutomaior

Isaura Abelairas e Carmela Silva
Isaura Abelairas e Carmela Silva / Mónica Patxot

A Deputación de Pontevedra abriu as inscripcións para participar na xornada "Muller e liderado. Ferramentas e estratexias para mellorar o teu liderado" que se desenvolverá o vindeiro 29 de setembro na Escola de Igualdade María Vinyals, localizada no Castelo de Soutomaior.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, felicitu á Deputada de Igualdade, Isaura Abelairas,  por esta iniciativa coa que o goberno provincial continúa así coa súa "premisa" de ter a igualdade como unha das súas políticas prioritarias, logrando que "a Deputación se estea convertendo nun referente da igualdade en toda España e por suposto en Galicia".

Carmela Silva asegurou que a xornada "Muller e liderado" ten un "altísimo nivel, cun elenco impresionante de profesionais", e ten que servir para "darlle visibilidade a un mundo diferente, onde as mulleres podemos ocupar o espazo que nos corresponde e así poder aportarmos á sociedade".

A presidenta provincial sinalou, ademais, que tamén hai que visibilizar a "todas as mulleres que lideran moitos proxectos de enorme importancia" e tamén "dotalas deses instrumentos que as poidan converter en líderes".

A xornada pretende crear un espazo de aprendizaxe e intercambio no que analizar o liderado feminino e dar resposta ás necesidades do mercado actual respecto ao autoliderado e ao liderado de equipos, a través de conferencias, exposicións e obradoiros cun fin divulgativo e formativo. Ademais, tenta contribuír ao empoderamento das mulleres e ao seu desenvolvemento persoal e profesional. 

"Muller e liderado" está dirixida a todas aquelas persoas que queiran mellorar o seu liderado persoal e profesional, así como descubrir ferramentas e estratexias que lles permitan desenvolver a súa capacidade para autoxestión de persoas e equipos ou axudar ao desenvolvemento doutras persoas.