A Deputación pedirá ao Goberno que baixe ao pecio do Villa de Pitanxo: "é de xustiza e humanidade"

Pontevedra
23 de xuño 2022

O Pleno da Deputación aprobou por unanimidade a moción do PP para reclamar ao Goberno de España a posta en marcha dunha operación de traballo subacuático en Terranova. O PSOE abstívose no Congreso dos Deputados á hora de votar unha iniciativa en termos similares, pero no Pleno pontevedrés apoiárona

Pleno da Deputación do 23 de xuño Deputación de Pontevedra

Unanimidade na Deputación Provincial de Pontevedra para reclamar ao Goberno de España a posta en marcha dunha operación de traballo subacuático que permita localizar e inspeccionar os restos do Villa de Pitanxo, afundido en augas de Terranova o pasado 15 de febreiro.

Os deputados de PSOE, BNG e PP votaron a favor dunha moción nestes termos presentada polos 'populares'. Os socialistas abstivéronse no Congreso dos Deputados á hora de votar unha iniciativa en termos similares, pero no Pleno pontevedrés a decisión foi unánime. 

A moción defendeuna a deputada do PP e concelleira pontevedresa Pepa Pardo, que lembrou que este xoves cúmprense 129 días daquel "fatídico" 15 de febreiro en que se produciu o naufraxio, no que 21 mariñeiros faleceron e os corpos de 12 deles aínda non foron recuperados. 

Trátase dunha traxedia que "golpeou profundamente" a Galicia, a maior do sector pesqueiro en 40 anos, e Pardo considera que "é de xustiza e de humanidade trasladar esta petición", que busca emprazar ao Goberno para facer todo o posible para tratar de localizar os corpos deses 12 mariñeiros aínda desaparecidos e tamén a poder recoñecer o estado do buque para axudar na investigación do ocorrido. 

Considera que "é unha tristeza ter que traer iniciativas como esta a unha institución política", pois xa de oficio o goberno de España "debería actuar", pero agradeceu o apoio dos outros dous grupos políticos. 

No discurso de Pardo gañaron protagonismo as familias dos falecidos, que "fixeron o indecible para localizar non só aos seus seres queridos senón tamén para que se esclarezan as causas de tan terrible traxedia", pola que a Audiencia Nacional, a Fiscalía e a Garda Civil investigan ao patrón, Juan Padín. 

As familias son un "exemplo de enteireza, persistencia e coraxe" e Pardo considera que, nestes casos, só hai unha opción que é "estar cos familiares, apoialos non só con palabras senón con feitos". E máis cando o Goberno, e tal como ela lembrou, "comprometeuse a facer todo canto estivese nas súas mans e a implicarse de maneira activa" na procura. 

Lembrou, así mesmo, que é "viable", como avalan diferentes informes e "existen os medios técnicos e económicos necesarios, pois unha empresa de Noruega ofreceu prestar un robot e un soar de varrido lateral para estas tarefas.  

PLENO DA CORPORACIÓN 

O Pleno da Deputación aprobou por unanimidade boa parte dos puntos incluídos na orde do día e coa maioría unicamente do Goberno un expediente de modificación de crédito que, segundo explicou o deputado de Economía e Facenda, Carlos Font, permitirá  "axilizar" a tramitación dos fondos europeos Next Generation e realizar "gastos que non poden demorarse".

Ese expediente de modificación de créditos aprobado permitirá investir 673.755 euros que, segundo Font, son unha mostra máis "da boa saúde económica" e da "boa xestión" do Goberno provincial sobre os orzamentos e irán parar a novos investimentos nos concellos e a accións de promoción deportiva, cultural, turística e patrimonial por toda a provincia.

A sesión plenaria aprobou por unanimidade un suplemento de créditos da Escola de Enfermería que implicará destinar 44.000 euros a adquirir  bonecos simuladores. 

Tamén unánime foi a postura dos tres grupos para aprobar a moción do PP para que o novo mapa concesional de autobuses interautonómicos que tramita o Goberno non afecte os desprazamentos interiores en Galicia garantindo a continuidade das paradas na provincia.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora