A Deputación pon en marcha un novo curso de español para inmigrantes

Pontevedra
07 de setembro 2020

A formación é fundamental para superar o exame DELE A2, indispensable para conseguir a nacionalidade española. As clases levan a cabo en Pontevedra e Vigo con 55 participantes procedentes de países africanos, Europa do Leste e Brasil

Inicio da cuarta edición do curso de español para inmigrantes que a Deputación organiza en Pontevedra (arquivo)
Inicio da cuarta edición do curso de español para inmigrantes que a Deputación organiza en Pontevedra (arquivo) / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra inicia este luns os tres novos cursos de español dirixidos a inmigrantes que levan a cabo en Pontevedra e Vigo. Esta actividade, que alcanza xa a súa cuarta edición, ten como meta preparar aos participantes para superar o exame DELE A2, requisito indispensable para adquirir a nacionalidade española. En Pontevedra, as clases impártense no Centro Príncipe Felipe.

A pandemia da Covid-19 obrigou a pospoñer o calendario destes tres cursos que agora se retoman cun estrito protocolo de seguridade. Os cursos teñen unha duración de 40 horas e ofertan 55 prazas, 20 delas en Pontevedra.

A demanda volveu ser alta, rexistráronse 130 solicitudes, a maioría de cidadáns de Marrocos, Brasil ou Senegal. Tamén houbo solicitudes de persoas procedentes de Ghana, Nigueria, Costa do Marfil, Alxeria, Rusia, Moldavia, Mauritania, Uncrania, Bulgaria ou Quenia.

Con esta actividade, o goberno provincial tenta facilitar ás persoas de países non hispanofalantes a consecución deste título e apoiar a súa integración na sociedade. Ademais, a institución subvenciona o custo da formación e tamén a matrícula para o exame DELE A2. Nas tres edicións anteriores participou un total de 180 inmigrantes.