A Deputación porá en marcha unha rede de comercio local en Campo Lameiro, Cuntis e Meis

Umia
22 de setembro 2023

A Deputación creará unha plataforma, cun orzamento de 230.000 euros, que chegará a comerciantes e hostaleiros

Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres en Xunta de Goberno o expediente de contratación para poñer en marcha unha plataforma entre negocios que ten por finalidade a captación, titorización, dinamización, visibilización e formación, sensibilización e interconexión de axentes do comercio local con produtores locais e provedores de servizos afíns para crear a rede de comercio local en oito concellos, entre eles Campo Lameiro, Cuntis e Meis. 

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López sinalou que "a dinamización e a promoción económica da provincia é un dos nosos grandes obxectivos" e asegurou "se queremos construír unha terra de oportunidades para todos, na que se xeren postos de traballo e dinamice a economía, debemos apostar polos sectores produtivos".

Esta plataforma conta cun orzamento de 230.000 euros e se pon en marcha ao abeiro do proxecto "Da túa man" (rural), financiado pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation.

Contará con dúas partes: unha pública, dixital, que permitirá á cidadanía acceder aos contidos xerados e unha parte privada á que terán acceso os comerciantes e hostaleiros dos concellos mencionados, e na que poderán interactuar e establecer relacións comerciais os axentes implicados, compartir experiencias e información e dispoñer de titoriais de expertos, entre outros.

ACHEGA PARA CERDEDO-COTOBADE

Na súa comparecencia de prensa o presidente provincial tamén deu conta doutro asunto aprobado este venres na Xunta de Goberno da Deputación, unha achega de 70.000 euros para o Concello de Cerdedo-Cotobade, para realizar obras nas parroquias de San Xurxo e Santa María de Sacos, Borela, Caroi, en Loureiro e no lugar de Quinta.