A Deputación presenta a Gala Love Rías Baixas, un espectáculo televisivo para presumir do sector turístico

Pontevedra
04 de marzo 2022

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou que neste evento é "dos máis potentes de todo o estado español" e nel "volveremos presumir do noso sector turístico" nun ano "especialmente relevante no que temos moito que celebrar"

Tanxugueiras, no Benidorm Fest
Tanxugueiras, no Benidorm Fest / RTVE

O vindeiro xoves 17 de marzo, ás 19.30 horas, no Auditorio do Mar de Vigo, terá lugar a Gala do Turismo da provincia de Pontevedra. 

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou que neste evento é "dos máis potentes de todo o estado español" e nel "volveremos presumir do noso sector turístico" nun ano "especialmente relevante no que temos moito que celebrar".

A gala estará conducida pola actriz viguesa Jazmín Abuín e foi concibida como un espectáculo televisivo, incluíndo Photocall e alfombra vermella "porque somos un destino de Óscar, sen ningunha dúbida".

Contará coa actuación de Tanxugueiras, "presumiremos con elas dunha 'Terra' sen fronteiras", dixo Carmela Silva. 

Ademais a gala contará coas acrobacias e a animación da compañía Pablo Méndez Performances que ten preparado un espectáculo "brutal, moi sorprendente", avanzou a presidenta.

No transcurso da velada proxectarase o vídeo da campaña #LoveRíasBaixas e outras pezas audiovisuais. "Será unha gran gala na que mostraremos a fortaleza do destino".

Nesta ocasión, será nomeada como embaixadora deste destino o Roteiro do Viño Rías Baixas.

Unhas 350 persoas poderán asistir ao evento que tamén será retransmitido en streaming.

 

 

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora