A Deputación presenta o novo modelo de oficinas de turismo "Info Rías Baixas"

Pontevedra
14 de decembro 2018

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer a posta en marcha da rede de oficinas "Info Rías Baixas" creada a través dunha ordenanza reguladora aprobada no pleno da corporación provincial de febreiro deste ano

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra / Monica Patxot

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer a posta en marcha da rede de oficinas "Info Rías Baixas" creada a través dunha ordenanza reguladora aprobada no pleno da corporación provincial de febreiro deste ano. 

Neste intre xa son 20 as oficinas adheridas á rede e están en trámite de adhesión outras dúas a este novo modelo que vai dar "un servizo de calidade e homoxéneo do destino" e traballando "de xeito coordinado e operativo", atendendo a unha estratexia de destino provincial máis que como punto de información local, seguindo as pautas marcadas no Plan Estratéxico de Turismo.

Carmela Silva explicou que a nova rede "permitirá diferenciar unha marca consolidada como é Rías Baixas dun concepto de xestión e estratexia turística como é Pontevedra provincia", tal e como levan anos pedindo o sector e os concellos, especialmente os do interior.

A presidenta provincial sinalou que estase a traballar xa para que as oficinas de Cangas e a de Caldas de Reis se sumen ás tres de Turismo Rías Baixas que teñen a Q de calidade na actualidade. 

No que respecta ao persoal, Carmela Silva detallou que sairán unhas novas liñas de subvención por importe de 200.000 euros, que poderán formalizarse a partir da segunda quincena de xaneiro. 

A presidenta sinalou que esta medida dará máis autonomía aos concellos, "xa que poderán contratar directamente ao persoal ou elaborar as súas propias bolsas, e tamén máis recursos xa que, a partir de agora, cubriremos ata o 75% da anualidade do persoal de atención das oficinas mentres que antes soamente a temporada de verán".