Realizar test de coronavirus nas empresas galegas que teñan un persoal superior aos cen traballadores. É a proposta que fixo a Deputación de Pontevedra á Xunta de Galicia.
A través dunha carta que a presidenta da Deputación remitiu ao presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, Carmela Silva sinala que esta medida contribuiría a evitar "posibles crecementos" da pandemia e a garantir unhas "adecuadas" condicións de traballo.
Silva apunta que todas as empresas están a realizar un "esforzo enorme" para garantir a seguridade dos seus traballadores, pero lembra en moitos medios de produción obrigan que haxa contactos interpersoais que poden ser "focos de contaxio"
Estes test de dobre banda, segundo a presidenta provincial, faríanse naqueles centros de traballo nos que, pola "casuística" de acumulación de persoa, así o determinen as autoridades sanitarias.
A carta a Núñez Feijóo termina asegurando que esta petición remítese "con ánimo propositivo", esperando que axude, segundo Carmela Silva, a erradicar a propagación da COVID-19 entre os cidadáns.