UGT Pontevedra pide tests quincenais para todo o persoal dos hospitais públicos

Pontevedra
21 de abril 2020

O sindicato fai esta petición para coñecer a cantidade de sanitarios positivos, pero asintomáticos que poida haber. De ser o caso de que existan positivos nestes PCR, tamén esixen que lle fagan os test serolóxicos (IgM e IgG)

Probas rápidas para detectar o coronavirus sen saír do coche
Probas rápidas para detectar o coronavirus sen saír do coche / Diego Torrado

A federación de servizos públicos de UGT de Pontevedra demanda que nos hospitais públicos da área sanitaria se realicen de xeito xenérico cada 15 días test PCR para detectar o coronavirus a todo o persoal.

O sindicato fai esta petición para coñecer a cantidade de sanitarios positivos, pero asintomáticos que poida haber. De ser o caso de que existan positivos nestes PCR, tamén esixen que lle fagan os test serolóxicos (IgM e IgG).

Segundo indican desde UGT, con estas medidas daríase tranquilidade ao persoal que xa superou o coronavirus e teña inmunidade, para que así poida continuar a desenvolver as funcións propias e diarias no centro de traballo.

Desde UGT aclaran que estas medidas son paralelas á dotación das medidas de prevención obrigatorias a cada un dos traballadoras, tales como máscaras  FFP2, máscaras quirúrxicas, luvas ou solucións hidroalcohólicas.