A Deputación reactiva as obras nos ecocentros de xestión de residuos para a súa estrea no verán

Bueu
19 de maio 2020

Trátase da adaptación dos puntos limpos dos concellos de Meaño, Vilagarcía, Ponteareas, Nigrán, A Guarda, A Lama, Gondomar, Silleda e a Mancomunidade do Morrazo (con servizo para Bueu, Moaña e Cangas). A día de hoxe o ecocentro de Meaño é o que ten toda a súa estrutura finalizada

Obras de adecuación no punto limpo de Meaño
Obras de adecuación no punto limpo de Meaño / Deputación de Pontevedra

Pola situación xerada pola pandemia do coronavirus, o proxecto ESTRAEE (Estratexia Sostible Transfronteiriza para a xestión de Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) tivo que adaptar o seu calendario. Coas medidas de desescalada, a Deputación de Pontevedra, como socia líder do proxecto, decidiu reactivar as obras para que poidan chegar ao seu fin e que este verán estean os nove ecocentros proxectados totalmente preparados e rematados.

No marco do proxecto ESTRAEE, a Deputación de Pontevedra xa ten en marcha as obras de adaptación dos puntos limpos dos concellos da provincia integrados neste programa europeo, con fin de convertelos en ecocentros sobrecualificados que xestionarán o tratamento dos RAEE (residuos de aparellos eléctricos e electrónicos).

Trátase dos concellos de Meaño, Vilagarcía, Ponteareas, Nigrán, A Guarda, A Lama, Gondomar, Silleda e a Mancomunidade do Morrazo (con servizo para Bueu, Moaña e Cangas).

Cun orzamento de 620.000 euros, estanse a impulsar reformas e construción de almacéns para os residuos de aparellos eléctricos e electrónicos nos nove concellos beneficiarios. Os traballos consisten en enlousados de formigón, estruturas metálicas e bloques de peche, así como a reutilización de elementos, instalación de iluminación, sistemas de protección contra incendios e paneis indicativos. Con este programa, se seguen a espallar as estratexias sostibles de xestión de residuos da Deputación, así como a súa aposta polo medio ambiente cara a transición ecolóxica e a economía circular transfronteiriza.

A día de hoxe é o ecocentro de Meaño o que ten toda a súa estrutura finalizada, estando tamén moi avanzadas as obras en Vilagarcía e Nigrán, e en marcha nos outros concellos beneficiarios desta iniciativa.

Amais da adecuación destes nove puntos limpos para convertelos en ecocentros, ESTRAEE tamén está a desenvolver outras accións como a elaboración dun borrador de ordenanza para os concellos sobre xestión sostible dos RAEE, a análise do ciclo de vida das diferentes tipoloxías de RAEE e a implantación da bolsa de recursos e materias primas secundarios.

Todas estas iniciativas, impulsadas polo proxecto europeo, están xa en marcha e permitirán impulsar a economía circular nesta zona transfronteiriza que abrangue a provincia de Pontevedra e o norte de Portugal.