A Deputación renova a cuberta do anfiteatro do centro vacacional da Lanzada

O Salnés
07 de novembro 2022

A intervención supuxo o investimento de 48.000 euros para instalar novas lonas de poliéster recuberto con PVC, así como a substitución do anel estrutural superior

Nova cuberta do anfiteatro do centro vacacional da Lanzada
Nova cuberta do anfiteatro do centro vacacional da Lanzada / Deputación de Pontevedra

No marco das distintas actuacións de mellora que se están a acometer no centro vacacional da Lanzada, onde se desenvolven cada verán os campamentos de Depo Aventura que atraen a 1.500 menores da provincia, a Deputación de Pontevedra vén de executar a substitución da cuberta do anfiteatro.

Nesta instalación celébranse as actividades colectivas e as festas infantís deste programa.

Deste xeito, a institución provincial destinou un orzamento de preto de 48.000 euros para substituir a cuberta téxtil e os toldos laterais por uns de tecido de poliéster recuberto de PVC. Tamén se substituíu o anel estructural superior.

Estas actuacións súmanse ás realizadas antes da celebración dos campamentos deste 2022, que consistiron no incremento do número de tendas de campaña, a ampliación da zona de comedor e o acondicionamento da zona de árbores.