A Deputación repartirá entre a hostalería 250.000 salvamanteis con promoción turística

Pontevedra
08 de xuño 2020

Esta acción de difusión cara ao turismo galego e estatal tamén ten como obxectivo apoiar aos establecementos que apostan pola calidade

Salvamantel de promoción turística do destino Rías Baixas
Salvamantel de promoción turística do destino Rías Baixas / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra repartirá nos próximos días ata 250.000 salvamanteis entre os establecementos hostaleiros da provincia.

Se ben a prioridade é colaborar con aqueles establecementos que apostan pola excelencia e a confianza, tamén reservaranse 70.000 salvamanteis para aqueles outros que desexen sumarse a esta campaña, previa solicitude do material na oficina de Turismo Rías Baixas.

Cada salvamantel levará impresos Códigos QR para que, a través do móbil, as persoas que consuman nestes establecementos poidan acceder á información de experiencias turísticas seguras, que estarán dispoñibles na web de Turismo Rías Baixas, así como ao vídeo de "Sigue o teu Instinto", presentado o pasado xaneiro en FITUR no marco da campaña de promoción do destino Pontevedra Provincia que fai este ano a Deputación.