A Deputación seguirá a financiar "proxectos maduros" de Pontevedra con máis de 10 millóns de euros

Pontevedra
08 de outubro 2019

Carmela Silva, presidenta da Deputación, recibía o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores para continuar coa liña de colaboración. Está previsto que proxectos como a reforma de Mollavao, a creación de accesos a Montecelo e a construción do pavillón da Parda

Encontro na Deputación entre Miguel Anxo Fernández Lores, Carmela Silva e César Mosquera
Encontro na Deputación entre Miguel Anxo Fernández Lores, Carmela Silva e César Mosquera / Cristina Saiz

Óptima relación. Así describe Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, a conexión que existe co goberno local de Pontevedra. "Estou política e persoalmente encantada", indicou a máxima mandataria provincial cando este martes recibía o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañada polo vicepresidente César Mosquera, concelleiro tamén da corporación pontevedresa.

Os tres explicaban que están satisfeitos co acordo que fora asinado en 2015, que permitiu a Pontevedra desenvolver diferentes proxectos como obras de saneamento, creación de viais ou a construción do campo de fútbol do Príncipe Felipe.

A presidenta provincial indicou que se investiron máis de 10 millóns de euros durante os pasados catro anos nestas iniciativas, ademais doutras actividades culturais e deportivas que foron financiadas pola administración provincial. A intención da Deputación é manter durante este mandato o mesmo investimento.

Neste sentido, o alcalde Fernández Lores sinalaba que as obras previstas para afrontar a través de convenios coa Deputación con máis prioridade serían a reforma de Mollavao, pendente dun informe de Costas; a creación da rede viaria na contorna do Hospital Montecelo e o proxecto do pavillón da Parda. Outras melloras estarían relacionadas co Museo ou con temas relacionados coa igualdade.

En todo caso, tanto Fernández Lores como César Mosquera falaron de que esta fórmula de emprego de diversos convenios permite que os proxectos avanzados e maduros poidan axilizarse nas tramitacións administrativas e evitar que se demoren no tempo. 

Na mesma liña manifestábase Carmela Silva para destacar que o marco actual para facilitar os recursos económicos provinciais é flexible, de maneira que se poida adaptar ás necesidades dos concellos.