A Deputación tiña previsto renovar o Consello Asesor do Museo para abrilo á sociedade civil "sen distincións ideolóxicas"

Pontevedra
28 de setembro 2023

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra e responsable do Museo Provincial, Rafa Domínguez, saíu ao paso da dimisión de todos os membros do Consello Asesor da institución museística, formalizada por rexistro este mesmo xoves  

Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra
Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra / Deputación de Pontevedra

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra e responsable do Museo Provincial, Rafa Domínguez, saíu ao paso da dimisión de todos os membros do Consello Asesor da institución museística, formalizada por rexistro este mesmo xoves.

O vicepresidente manifestou que a renovación do Consello Asesor do Museo de Pontevedra era unha medida que "forma parte da folla de roteiro que temos establecida para abrir a entidade á sociedade civil, sen distincións ideolóxicas".

O responsable político do Museo de Pontevedra lembrou que a composición actual do Consello Asesor finalizaba no mes de decembro e que os actuais integrantes "foran nomeados polo anterior goberno do PSOE e BNG e feitos a imaxe e semellanza do seu director".

Domínguez remarcou o "papel fundamental" que debe desenvolver este órgano de consulta e asesoramento en asuntos relacionados coa dirección e xestión do Museo de Pontevedra e agradeceu o traballo desenvolvido ata o de agora polos seus integrantes.

Rafa Domínguez apuntou que coa entrada dun novo equipo directivo no Museo o normal é un novo Consello Asesor, algo que enmarca nos "trámites normais de renovación cando hai cambios políticos". 

Ademais, avanzou que o goberno provincial levaba semanas traballando nunhas novas bases para a selección "transparente e equitativa" dos membros do futuro Consello Asesor que, en liñas xerais, estará integrado por "persoas expertas en diversas disciplinas" relacionadas coa cultura, o patrimonio e a arte, dándoselle prioridade á inclusión de representantes da comunidade local de Pontevedra e a persoas cun "compromiso destacado coa promoción e preservación do patrimonio cultural da cidade". 

Tamén está previsto incluír "talentos emerxentes no ámbito da cultura e do patrimonio", procurando tamén un equilibrio de xénero na súa composición "para asegurar unha representación igualitaria de homes e mulleres".

Por último, o vicepresidente explicou que, ademais de renovar os seus integrantes, o papel do Consello Asesor tamén se reformulará para "fortalecer o labor deste organismo e abrir o Museo á sociedade civil sen distincións ideolóxicas" incluíndo a novos membros "con enfoques diferentes e perspectivas frescas e diversas que enriquezan as discusións e decisións" e para iso tamén está previsto incrementar a frecuencia das reunións.