A deputada de Cohesión Social, Olga García, visitou en Vilagarcía de Arousa a sede da Asociación de Familiares de persoas enfermas de Alzheimer do Salnés (AFASAL), coa que a Deputación colabora este ano cunha achega de 15.000 euros para o programa de rehabilitación e os obradoiros de estimulación para persoas enfermas de alzheimer.
A través desta axuda AFASAL mantén en funcionamento os obradoiros de estimulación e de animación sociocultural a través de "laborterapia", unha disciplina emerxente no campo da xerontoloxía. Benefícianse desta iniciativa, de xeito directo e indirecto, preto de oitenta persoas da comarca do Salnés.
Os obradoiros, que comezaron no mes de febreiro e se estenden ata decembro, son personalizados, flexibles e fundaméntanse no coñecemento persoal das persoas que neles participan. Inclúen actividades baseadas na dignidade, seguridade, respecto á autonomía, autorrealización e participación social que minimizan os cambios fisiolóxicos e prevén outros síndromes xeriátricos e trastornos.
O obxectivo dos programas que impulsa AFASAL coa colaboración da Deputación de Pontevedra é dar unha mellor cobertura de atención e mellorar a calidade de vida das persoas con alzheimer e outras demencias dende unha perspectiva normalizadora. Tamén pretende preservar as capacidades das persoas usuarias, enlentecendo a evolución da enfermidade, incrementar a súa autonomía, reforzar a súa autoestima e evitar o illamento.
AFASAL, integrada na Federación Alzhéimer Galicia (FAGAL), ademais dos obradoiros de estimulación e de animación sociocultural impulsa outras moitas iniciativas dirixidas ás persoas con alzheimer e outras demencias do Salnés. Entre os servizos que oferta atópanse o adestramento en actividades da vida diaria, a axuda a domicilio ou actividades de ocio e tempo libre.