A devoción por San Bieito vence ao medo polo coronavirus

Pontevedra
11 de xullo 2020

O coronavirus non impediu que centos de pontevedreses renovasen este sábado a súa devoción por San Benitiño. Esta romaría popular, que tradicionalmente supón o arranque das Festas de Verán de Pontevedra, celebrouse iso si con moitas restricións

Romaría de San Bieito en Lérez
Romaría de San Bieito en Lérez / Cristina Saiz

O coronavirus non impediu que centos de pontevedreses renovasen este sábado a súa devoción por San Benitiño. Esta romaría popular, que tradicionalmente supón o arranque das Festas de Verán de Pontevedra, celebrouse iso si con moitas restricións.

Así, o acceso ao templo estivo limitado a 125 persoas -regulado por tres vixiantes- e entre as misas, que se celebraron cada hora, voluntarios da parroquia desinfectaron os asentos.

Para asistir á misa e visitar ao santo era obrigatorio o uso de máscara, os bancos contaron con sinais para que os asistentes mantivesen a distancia interpersoal de 1,5 metros e colocáronse dispensadores de xel no interior do mosteiro. 

Ademais de protexer a talla de San Benito cun plástico para evitar contagios, impediuse a venda de todo tipo de produtos, a excepción do tradicional aceite que se puido adquirir nunhas dependencias próximas ao templo.

Nas inmediacións do mosteiro non faltou o polbo, que se serviu nunhas carpas que, ademais de protexer aos asistentes do sol e da calor, contaban tamén cun estrito protocolo de seguridade, limpeza e desinfección. 

O que si sucumbiu á actual situación sanitaria foi a vertente máis lúdica desta romaría, organizada polo Concello de Pontevedra.

O goberno municipal entendía que non se daban as condicións para organizar, nas inmediacións da praia fluvial, a tradicional comida popular a base de mexillóns e empanadas. Tampouco se organizou a verbena nocturna de todos os anos.

A este respecto, o Concello só mantivo as dianas e alboradas, con pasarrúas de grupos tradicionais que actuaron ao longo de toda a xornada de maneira itinerante para evitar aglomeracións do público nun mesmo punto.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora