A DGT pon en marcha ata o domingo 20 unha campaña especial de control de alcol e drogas

Pontevedra
14 de agosto 2023

Os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil intensificarán os controis de alcoholemia e presenza de drogas e fomentarán a colaboración cos concellos das catro provincias para realizar probas   en zonas urbanas, con especial incidencia nas zonas de maior afluencia turística e de festas populares

Control de alcoholemia da Garda Civil de Tráfico
Control de alcoholemia da Garda Civil de Tráfico / Mónica Patxot

A partir deste luns 14 e ata o domingo 20 de agosto, a Dirección General de Tráfico (DGT) pon en marcha unha campaña especial de control do consumo de alcol e drogas ao volante polas vías pontevedresas. 

Segundo a información facilitada pola Delegación do Goberno en Galicia, os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil intensificarán os controis de alcoholemia e presenza de drogas nas estradas de toda Galicia.

Ademais, fomentarán a colaboración cos concellos das catro provincias para realizar probas en zonas urbanas, con especial incidencia nas zonas de maior afluencia turística e de festas populares.

Na mesma campaña de agosto de 2022, a Garda Civil realizou 41.519 controis de alcoholemia en Galicia, dos que 641 foron positivos, e 224 controis de  drogas, con 151 positivos. 

Esta campaña parte da premisa de que o alcol está presente como factor concorrente ou causante nun terzo dos accidentes mortais. A súa presenza na condución, dependendo da súa taxa, multiplica entre 2 e 15 o risco de sufrir un accidente.

Así, dende a DGT insisten en que a única taxa segura é 0,0%, pois o alcol non só está relacionado cunha maior accidentalidade, senón que tamén repercute nunha maior mortalidade, ao ser un factor vinculado cun peor prognóstico nas lesións sufridas.

Segundo os datos do Instituto Nacional de Toxicoloxía, dos 854 condutores falecidos en accidente de tráfico e sometidos a autopsia e análise toxicolóxico o ano pasado en España, 443 resultaron positivos en alcol, drogas e psicofármacos, illadamente ou en combinación.

O alcol segue sendo a substancia máis consumida polos condutores falecidos, seguido da cocaína e o cannabis, e en terceiro lugar, os psicofármacos.