A Diputación de Cádiz colle ideas da transformación urbana de Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
12 de xaneiro 2023

Unha comitiva gaditana coñeceu actuacións de mellora urbana xa finalizadas en Ponte Caldelas, Gondomar, Tomiño e O Rosal nas que se aplicou a filosofía Ágora da Deputación de Pontevedra

Representantes da Diputación de Cádiz visitan Ponte Caldelas
Representantes da Diputación de Cádiz visitan Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

A transformación urbana de Ponte Caldelas, así como doutras localidades da provincia reformadas en base á filosofía Ágora da Deputación de Pontevedra, serviron de inspiración para a Deputación de Cádiz.

Unha comitiva gaditana visitaron actuacións de mellora urbana xa finalizadas en Ponte Caldelas, Gondomar, Tomiño e O Rosal para tomar ideas para futuras intervencións.

No caso de Ponte Caldelas os representantes de Cádiz puideron comprobar de primeira man as actuacións que permitiron mellorar a mobilidade peonil axuntando este aspecto coa creación de novas prazas de aparcamento.

As zonas inspeccionadas foron a Avenida de Galicia, a Estrada do Balneario interesándose polo proxecto de estacóín termal, e sobre todo fixáronse na Praza de España como exemplo de transformación dun espazo público.

Por motivos de axenda a expedición da Deputación de Cádiz non puido visitar finalmente o Concello de Poio, tal e como estaba previsto.

A comitiva estaba formada por vicepresidente segundo e deputado da área de Transición Ecolóxica da Diputación de Cádiz, Francisco Javier Vidal, xunto á directora da área, María Teresa Fernández, e un responsable técnico, así como por varios directivos da Deputación de Pontevedra. Todos eles foron recibidos en Ponte Caldelas polo alcalde da localidade, Andrés Díaz.