A directora e actriz Mabel Lozano amosa en Pontevedra o cruel drama que agocha a prostitución

Pontevedra
14 de setembro 2019

A concellería de Igualdade apoiada polo Colectivo Feminista organizaron esta iniciativa cun coloquio coa directora, actriz e activista antiprostitución, Mabel Lozano. Ao acto asistiron a presidenta da Deputación, Carmela Silva e a concelleira de Igualdade, Paloma Castro

Presentación do documental 'El proxeneta', de Mabel Lozano, que fala con Carmela Silva e con Paloma Castro
Presentación do documental 'El proxeneta', de Mabel Lozano, que fala con Carmela Silva e con Paloma Castro / Cristina Saiz

O auditorio pequeno da sede de Afundación enchíase este venres para ver o primeiro pase que se realiza na cidade do documental 'El Proxeneta', un traballo realizado pola directora, actriz, presentadora e activista contra a prostitución, Mabel Lozano.

Este evento, organizado pola concellería de Igualdade, en colaboración co Colectivo Feminista, inclúese na programación prevista con motivo do Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Persoas, que terá lugar o vindeiro 23 de setembro.

Ao acto asistía a propia directora, ademais da presidenta da  Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; a concelleira de  Igualdade, Paloma Castro; a subdelegada do Goberno, Maica Larriba; a deputada socialista, Patricia Vilán e o concelleiro de Medio Natural, Iván Puentes.

O documental está protagonizado por Miguel, "El Músico", un  exproxeneta e dono dalgúns dos máis importantes macroburdeis de España, que foi condenado e sentenciado a 27 anos de prisión. O protagonista conta o desenvolvemento da prostitución durante as últimas décadas en relación con tramas de corrupción, asasinatos, trata de seres humanos, secuestros ou extorsións.

Tras a proxección de 'El proxeneta', as persoas asistentes participaron nun coloquio coa directora, que sinalou que a prostitución é un atentado contra a dignidade das mulleres e entende que debe abolirse.