A directora xeral de Recursos Humanos do Sergas rexeita as acusacións de "nepotismo" do PSOE

Pontevedra
14 de novembro 2018

Margarita Prado compareceu na comisión parlamentaria de Sanidade ante as acusacións socialistas de "querer impoñer unha sanidade de amiguetes, aínda que haxa que saltarse a Lei", a raiz da sentenza do caso de Víctor Pedreira que quedou fóra da xefatura de Psiquiatría do CHOP

Comisión parlamentaria de Sanidade
Comisión parlamentaria de Sanidade / Xunta de Galicia

O voceiro de Sanidade do grupo socialista, Julio Torrado, reclamaba na comisión paralmanetaria deste mércores unha resposta por parte do Sergas en relación á anulación por sentenza xudicial firme do concurso para a designación do xefe de Psiquiatría do Complexo Hospitalario de Pontevedra, que se realizou en 2012, cando era xerente José Manuel González, ex conselleiro de Sanidade.

Os socialistas sinalaban que a sentenza amosa un xogo irresponsable de maltratar o sistema, retorcer os procedementos en favor dos "amiguetes" e en prexuízo dos pacientes ao adoptar decisións criterios partidistas ao impedir que Víctor Pedreira puidera continuar como xefe do servizo de Psiquiatría e convocar un novo proceso de selección, que finalmente foi derrubado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Esta sentenza fíxose firme en 2017 cando o afectado, o doutor Pedreira, xa se xubilara.

O PSOE acusaba á Xunta na comisión de actuar como "cómplice de nepotismo" ao ter tardado en adoptar a sentenza xudicial ata que a xuíza emitiu un auto de execución neste 2018.

A directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Margarita Prado, comparecía nesta comisión para indicar que a sentenza non sinalaba que algún dos dous candidatos fora mellor que o ooturo e que a Consellería de Sanidade está a executar o fallo co cese do xefe do servizo de Psiquiatría e aposta en marcha dun novo procedemento coas garantías de transparencia.

Prado afirmou que desde 2013 se veñen realizando máis de 100 convocatorias para a elección de xefaturas de servizo e que só en casos "que se contan cos dedos da man" hai que repetir os procesos.