A Discoteca La Luna, pechada durante 18 meses pola pandemia, volverá abrir en novembro

Pontevedra
30 de setembro 2021

Os propietarios da sala de festas máis icónica de Pontevedra ultiman as obras de adaptación do local á nova normalidade para poder recuperar a actividade agora que Sanidade flexibilizou as restricións para o lecer nocturno

En novembro está prevista a reapertura da discoteca La Luna
En novembro está prevista a reapertura da discoteca La Luna / Mónica Patxot

O lecer nocturno foi un dos sectores máis golpeados pola pandemia da covid-19. Coa vacinación masiva, os contaxios comezaron a remitir e o desxeo dos locais de baile, que pecharon de forma voluntaria en marzo do 2020, comezou. Non para todos, porque a discoteca máis emblemática da comarca de Pontevedra segue aínda pechada, aínda que o seu regreso está cada día máis preto. A flexibilización das restricións e o fin das obras para adaptar a sala á nova normalidade permitirán volver abrir as portas da Discoteca La Luna no prazo dun mes.

"Aínda non temos unha data marcada, pero a apertura é inminente. Estamos pendentes do final das obras, pensamos que para finais de outubro ou principios de novembro A Luna volverá brillar", anuncia Jorge Santos, un dos socios desta icónica sala de festas.

A volta á normalidade será paulatina. "Non haberá grandes festas, mentres non podamos volver á normalidade porque a seguridade dos nosos clientes e persoal é o primeiro. Pero faremos unha gran festa en canto non haxa restricións", confesa un dos propietarios.

O espírito de La Luna non cambiará, pero si parte da súa fisonomía. As obras permiten dotar á sala duns baños modernos, a fachada estreará unha nova imaxe e aspectos como a ventilación, a carpintería e a electricidade veranse tamén renovados. Coa reapertura da discoteca, volverá tamén o servizo de autobuses e a bocatería. Os propietarios queren que a música en directo siga sendo un piar fundamental, polo que tan pronto como as circunstancias o permitan, as orquestras volverán actuar no escenario desta discoteca.

Unha circunstancia que aínda descoñecen como lles afectará son as limitacións de aforo, agora fixado nun máximo do 75 % en interiores, e horarios, o lecer nocturno debe estar pechado ás 4 horas da madrugada. "Temos que analizar se nos compensa, pero cumpriremos con todas as medidas", asegura Santos, sabedor de que os clientes están desexosos de regresar á Lúa e que cumprirán con todas as medidas sanitarias para facer posible que, entre todos, o lecer nocturno non teña que volver pechar as súas portas.