A 'Emoción dos viños' aterra no Pazo da Crega en Barro

Barro
22 de outubro 2018

Este evento vitivinícola celebra a súa oitava edición no Concello de Barro, sede por primeira vez desta cita. Participarán 70 adegas procedentes de España e Portugal. Os asistentes poderán degustar por prezos populares os diferentes caldos e adquirir botellas 

Presentación de 'A Emoción dos viños', que se celebrará no Pazo da Crega en Barro
Presentación de 'A Emoción dos viños', que se celebrará no Pazo da Crega en Barro / Mónica Patxot

Esta fin de semana, 27 e 28 de outubro, o Pazo da Crega de Barro acollerá a VIII edición de 'A Emoción dos viños', un evento de cata de caldos ao que se espera a asistencia de ao redor de 400 persoas, aforo das instalacións.

Marina Cruces e Antonio Portela, organizadores desta cita vitivinícola, presentaban acompañados pola deputada Eva Vilaverde e polo alcalde de Barro, Xosé Manuel Abraldes, a primeira edición que se celebra en este municipio

Abraldes espera que moitos dos asistentes pernoiten na comarca e se amosaba satisfeito pola presenza de dúas adegas do municipio neste evento dentro da lista de 70 que acudirán a esta cita. A deputada Eva Vilaverde afirmou que desde a Estación Fitopatolóxica do Areeiro se colabora con este sector que conforma un nicho importante da economía na provincia.

Marina Cruces sinalou que a idea deste acontecemento é dar visibilidade ao patrimonio vitivinícola. Desta forma, o sábado 27 o horario será partido, de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas mentres que o domingo desenvolverase unha xornada continuada desde as 11.00 ata as 15.00 horas. Os interesados poderán inscribirse a través do correo electrónico: [email protected] 

O prezo da entrada é de 15 euros para o sábado, 10 para o domingo e 20 para as dúas xornadas. Os asistentes recibirán unha copa serigrafada coa que poderán degustar todos os viños e asistir ás explicacións dos distintos adegueiros. Tamén se instalará unha tenda de viños para todas aquelas persoas interesadas en adquirir algunha botella.