A empresa Berca Group subministrará os 800 composteiros que Poio repartirá entre a veciñanza

Poio
28 de abril 2022

O edil de Servizos Municipais, Julio Casás, explica que os recipientes iranse recibindo en lotes de 200 unidades e que as persoas interesadas en adquirilas deberán poñerse en contacto coa Administración local

Julio Casás no composteiro de San Salvador
Julio Casás no composteiro de San Salvador / Concello de Poio

O Concello de Poio vén de completar o proceso de adxudicación para a obtención de 800 composteiros individuais con aireador, que serán repartidos entre os veciños que os soliciten.

O edil de Servizos Municipais, Julio Casás, sinala que esta xestión segue os pasos marcados polo goberno local á hora de apostar por fomentar o uso deste tipo de dispositivos, en aras do coidado do medio ambiente e para dar cumprimento ás normativas correspondentes, que a curto prazo "esixirán unha maior porcentaxe de restos reciclados".

Julio Casás explicou que será a empresa especializada Berca Group a encargada de subministrar os recipientes, logo de que se completara o proceso de licitación, no que presentaron ofertas seis firmas distintas. 

Os recipientes iranse recibindo en lotes de 200 unidades. Os primeiros serán para a substitucións dos composteiros adquiridos hai anos. A  veciñanza interesada en facer uso destes recipientes deberá poñerse en contacto co Concello de Poio, onde se elaborará unha lista de agarda para o seu reparto.