A empresa Oftefor construirá o "grandioso balcón" do Monte Xiabre

O Salnés
25 de xaneiro 2022

O novo miradoiro será un atractivo turístico que a través da paisaxe conecta coa cultura mariñeira da Ría, a tradición Marítimo Fluvial Xacobea, o patrimonio arqueolóxico e o sendeirismo

Cruz do Monte Xiabre
Cruz do Monte Xiabre /

Vilagarcía contará este ano cun novo atractivo turístico: o miradoiro de Xiabre, que o Concello vai a construír no punto no que se empraza a visitada cruz instalada neste monte. 

A Xunta de Goberno Local adxudicou os traballos para crear este "grandioso balcón" con vistas ao nacemento da Ría, obra que executará a empresa vilagarciá Oftefor cun orzamento de 48.031 euros. 

O investimento finánciase integramente coa subvención concedida polo Grupo de Acción Costeira Local (GALP) e aprobada pola Xunta de Galicia.
A actuación promovida pola Concellería de Turismo que dirixe Álvaro Carou pretende poñer en valor a paisaxe como elemento estratéxico e de gran potencial para a atracción de turismo.

O miradoiro a construír na parte alta do monte onde se sitúa a cruz de ferro consistirá nunha plataforma horizontal de 57 metros cadrados que irá elevada sobre as rochas. A instalación farase de xeito respectuoso co medio natural, polo que non se fará unha cimentación ao uso, senón que a plataforma fixarase ao chan mediante ancoraxes ás rochas. O miradoiro construirase con aceiro galvanizado, ao igual que as varandas protectoras que bordearán todo o seu perímetro.

PARQUE EÓLICO

De forma paralela, o goberno local está facendo xestións para que o novo proxecto de instalación de aeroxeneradores en Xiabre que promove a firma Engasa Eólica S.A. non interfira na panorámica que se pode admirar dende o miradoiro. Ademais, das alegacións que xa se presentaron ao proxecto incidindo neste aspecto, o Concello xa se reuniu con responsables da Dirección Xeral de Industria para expoñer a situación e tamén mantén conversas coa empresa, á que nunha reunión celebrada en Ravella a semana pasada xa se lles expuxo a postura municipal. Os responsables de Engasa comprometéronse a estudar a posible reubicación dos dous aeroxeneradores que irían máis próximos á zona do miradoiro e comunicar as conclusión aos Concello nos vindeiros días.

A maiores, o goberno local tamén se dirixirá aos distintos organismos autonómicos con algún tipo de competencia neste asunto, tanto dende o punto de vista paisaxístico, turístico e medioambiental, como dende o propiamente industrial, para informar da posición do Concello, deixando claro que non se opón á execución do proxecto eólico, pero si ao emprazamento dos dous aeroxeneradores máis próximos á contorna do miradoiro. Neste senso, dirixirán os escritos ao Instituto do Territorio de Galicia, dependente da Consellería de Medio Ambiente, a esta mesma consellería, a Axencia Galega de Turismo e á Consellería de Industria.