A empresa propón 16 despedimentos no ERE de Elnosa

Pontevedra
07 de decembro 2017

Este xoves mantiveron o primeiro encontro directivos da CUF, propietaria da cloreira, cos representantes sindicais para negociar o expediente de regulación de emprego. As conversas continuarán a finais da vindeira semana

Concentración dos traballadores de Elnosa e as súas familias diante do Concello
Concentración dos traballadores de Elnosa e as súas familias diante do Concello

A firma portuguesa CUF puxo 16 despedimentos encima da mesa para iniciar a negociación do ERE extintivo en Elnosa. Este xoves desenvolvíase o primeiro encontro entre representantes da empresa cloreira, asesorados por tres avogados dun despacho laboralista madrileño, con integrantes do comité de empresa da fábrica, co presidente Avelino García á cabeza e outros representantes sindicais como Víctor Ledo ou José Luis García Pedrosa, de Comisións Obreiras. 

Neste primeiro encontro, a dirección da empresa trasladou toda a documentación sobre o expediente de regulación de emprego pero non entrou en detalles sobre os departamentos en que se producirían eses despedimentos previstos nin sobre as indemnizacións que cobrarían estes traballadores.

Por parte da parte sindical, Avelino García sinalaba que ao longo da negociación e despois de estudar a documentación entregada tentarán reducir a dez o número de despedimentos e obter as mellores condicións para os afectados. As dúas partes quedaron en manter un segundo encontro a finais da vindeira semana.

Unha das principais preocupacións dos traballadores atópase en que desde a Xunta de Galicia, a pesar das promesas, aínda non publicou no Diario Oficial de Galicia a concesión da Autorización Ambiental Integrada que lles permita manter a produción de hipoclorito sódico na fábrica.

O 11 de decembro, a factoría de Lourizán por orde da Unión Europea terá que abandonar a elaboración de cloro utilizando mercurio como viña facendo ata agora. A empresa iniciará os traballos de desmantelamento dese sistema produtivo e a previsión é que a partir de mediados de xaneiro, cando se incorpore nova maquinaria, poida elaborar hipoclorito.

Arquivado en