A empresa que limpe as dependencias municipais terá que contratar máis traballadores

Pontevedra
25 de decembro 2019

O novo contrato de limpeza de dependencias municipais incluirá, por vez primeira, as instalacións deportivas e os centro socioculturais do municipio. É a principal novidade dun servizo que lle custará ao Concello algo máis de 2,5 millóns de euros durante catro anos

Edificio administrativo do Concello de Pontevedra na rúa Michelena
Edificio administrativo do Concello de Pontevedra na rúa Michelena / Mónica Patxot

O novo contrato de limpeza de dependencias municipais incluirá, por vez primeira, as instalacións deportivas e os centro socioculturais do municipio. É a principal novidade dun servizo que lle custará ao Concello algo máis de 2,5 millóns de euros durante catro anos.

Este contrato, que sae a licitación por 2.535.141,62 euros, estará dividido en dous lotes e as empresas interesadas poderán optar a un só ou a ambos. 

O expediente de contratación divide o orzamento en 416.633,99 euros para a anualidade 2020, en 606.935,86 euros para 2021, en 755.785,87 euros para 2022 e en 755.785,87 euros para 2023. Os pregos tamén prevén a concesión dunha prórroga para un ano máis.

De cara a lograr unha ordenación e racionalización "máis eficiente", sinalou o concelleiro responsable da xestión do lixo, Raimundo González, no servizo unificaranse todas as dependencias municipais, incluíndo as instalacións deportivas e as socioculturais.

O número de dependencias total supera o medio centenar, o que implicará o incremento do número de traballadores que hai na actualidade. Ademais tamén se establece que todos os traballadores actuais sexan subrogados pola empresa que resulte adxudicataria.

A licitación establece a prestación do servizo para os pavillóns deportivos, entre os que destacan o municipal e o multiusos da Xunqueira, e para dezaoito edificios administrativos e de servizos de emerxencias municipais.

Así, entrarán no contrato o edificio do Concello en Michelena 30, a casa consistorial da Praza de España, as oficinas municipais do Teatro Principal, o chalé de Fontoira, a Casa Azul, o local de Xan Guillerme, a Casa da Luz, o edificio de Churruchaos, o local de Jofre de Tenorio, o local da rúa Julio Camba, o arquivo municipal ou o antigo conservatorio.

Tamén van as dependencias da Policía Local, o parque de Bombeiros, a sede de Protección Civil, a nave das brigadas municipais, o centro de condutas aditivas, o edificio de Santa Clara, a escola infantil da Parda, os mercados da rúa Serra, Virxe do Camiño, Frei Juan de Navarrete e Ponte Sampaio; e os cemiterios de San Amaro, Lourizán, Bora, Campañó e Ponte Sampaio.

O contrato contempla a limpeza de 26 centros socioculturais, entre eles, o centro médico e biblioteca de Ponte Sampaio, o Centro Sur, os centros sociais de Monte Porreiro, A Devesa, Xeve, Pío-Bora, Cons -Mourente, Méan e Tomeza, o centro cultural San Roque, o centro social do Gorgullón, o centro social Leste e os centros culturais de Pontemuíños e Ponte Sampaio,

Por último, inclúense o centro social de Salcedo, a casa da cultura de Cabaleiro (Campañó), os centros culturais de Sabarís, Canicouva, Sagueiral e o museo etnográfico de Xeve, a escola unitaria de Fragoso, o centro cultural de San Andrés de Xeve, o local social de Reariz e os novos centros sociais de O Burgo e Estribela.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora