A empresa subministradora do Barça e o PSG renovará o céspede do campo de fútbol do Revel

Sanxenxo
30 de agosto 2021

Os traballos comezaron esta fin de semana coa retirada da herba artificial en rolos de 2x30, limpos de area e caucho

Retirada da herba sintética do campo de fútbol do Revel
Retirada da herba sintética do campo de fútbol do Revel

Unha das empresas máis potentes de Europa no sector do céspede artificial, Fieldturf Poligras, será a encargada da subministración e instalación do céspede do campo de fútbol do Revel en Vilalonga.

O Concello de Sanxenxo investirá 288.208 euros a través da modalidade de renting nun período de 5 anos. 

Segundo os datos técnicos facilitados ao Concello, o céspede artificial que se colocará no campo reduce ata un 47% a porcentaxe de lesións importantes e ata un 25% o total de lesións.

A compañía encargada da instalación dos campos de adestramento do Paris Saint-Germain (PSG) ou da Cidade Deportiva do F.C. Barcelona retirou esta fin de semana o céspede actual en rolos de 2x30, limpos de area e caucho, que se reutilizarán cun uso diferente ao actual. 

Tras estes labores, iniciarase a colocación do sistema de rega con seis  aspersores con turbina de longo alcance, sete electroválvulas de fibra de vidro, seis pezas e seis conectores estancos con xel de illamento. A previsión é que o novo terreo de xogo estea listo para a práctica deportiva a última semana de setembro. 

Os clubs que está previsto que adestren neste terreo de xogo son o Vilalonga CF, Libertad Sporting Club, Viajes Interrías Fútbol Feminino e varios equipos veteranos.