A escavación do cemiterio de Castro Famelga será o escenario do campo de traballo de Cotobade

Cerdedo Cotobade
17 de abril 2015

A segunda edición do campo de traballo de Cotobade trasládese este ano ao cemiterio de Castro Famelga. Dez días nos que mozos maiores de 18 anos de diferentes países traballar en equipo, coñecerán novas culturas e aprenderán sobre o traballo de recuperación do patrimonio e de bens culturais

Campo de traballo da Xunta de Galicia
Campo de traballo da Xunta de Galicia

A segunda edición do campo de traballo internacional desenvolvido pola Dirección Xeral de Xuventude e o Concello de Cotobade regresa este mes de xullo.

Esta actividade vai celebrarse durante dez días, do 27 de xullo ao cinco de agosto, nos que mozos maiores de 18 anos traballarán nunha escavación para recuperar o espazo perdido do cemiterio de "Castro de Famelga", un ben de interese cultural e patrimonial.

Os traballos na escavación son só unha parte da experiencia, tamén haberá actividades complementarias pola tarde como diferentes rutas, obradoiros ambientais, visitas culturais, actividades de aventura e excursións. Ademais, os mozos formarán parte dun itinerario formativo que pretende ensinalos a ser emprendedores no tema relacionado co medio ambiente para que nazan novas ideas de negocio relacionadas co proxecto actual.

Segundo apuntan dende o Concello de Cotobade, o proxecto pretende "tender pontes a outras culturas" para poder coñecer diferentes pobos e comprendernos mellor.

As vinte prazas deste certame poderán cubrilas participantes de diferentes países ao igual que na anterior edición. Os mozos deberán cumprir con certas actitudes para poder formar parte deste proxecto: ser flexibles e de mentalidade aberta para a vida grupal, ademais de ser respectuosos coas diferenzas doutros, capaces de compartir, traballar e divertirse en grupo.