A Escola de Restauración saca as súas reivindicacións á rúa

Pontevedra
27 de marzo 2014

Os alumnos e profesores da Escola de Restauración de Pontevedra mobilizáronse este xoves polas rúas de Pontevedra para visibilizar a difícil situación que atravesa este centro

Manifestación dos alumnos da Escola de Restauración e Conservación
Manifestación dos alumnos da Escola de Restauración e Conservación / Mónica Patxot

Os alumnos e profesores da Escola de Restauración de Pontevedra mobilizáronse este xoves polas rúas de Pontevedra para visibilizar a difícil situación que atravesa este centro.

"Estamos 'defraugrados', pero non resignados, así que seguiremos loitando por un obxectivo lexítimo e mostrando a problemática das Ensinanazas Artísticas que son a base da nosa cultura e patrimonio", trasladou unha voceira.

Este conflito nace da falta de recoñecemento para os seus estudos, que non son equivalentes a un grao universitario. As principais desvantaxes que isto supón son numerosas: a contía das bolsas baixa, non hai homologación fóra de España, o presuposto do centro desvalorízase ao nivel dun instituto de secundaria, os alumnos teñen mínimas opcións para realizar un máster, un doutorado ou participar en proxectos de investigación.

Aseguran que todo isto se reflicte nunha depreciación da profesión e os estudos facendo que cada vez máis estudantes opten por matricularse en centros privados que se están adscritos á Universidade.

Como solución propoñen que a Escola pontevedresa se integre dentro das ensinanzas artísticas da universidade. Unha reivindicación que foi rexeitada dende hai tempo polo que toda a directiva da Escola de Conservación presentou a súa dimisión.