A Escola Naval Militar quere ser "un foco de coñecemento que inflúa favorablemente na provincia"

Marín
22 de setembro 2021

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o comandante director da Escola Naval Militar, Pedro Cardona, abriron este martes as portas a novas liñas de colaboración entre ambas institucións

Carmela Silva e Pedro Cardona
Carmela Silva e Pedro Cardona

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o comandante director da Escola Naval Militar, Pedro Cardona, abriron este martes as portas a novas liñas de colaboración entre ambas institucións.

Segundo informa o gabinete de comunicación da Deputación de Pontevedra, nesta nova etapa "apostarán porque o coñecemento, a innovación tecnolóxica e o desenvolvemento de proxectos de Intelixencia Artificial que marcan a formación no centro naval se visibilicen e repercutan de xeito directo en toda a provincia de Pontevedra".

Dito doutro xeito, colaborarán para "ofrecer novas fontes de coñecemento á cidadanía que repercutan de xeito favorable nas súas vidas así como da importancia da incorporación de mulleres as aulas da Escola Naval". Durante o encontro Cardona sinalou que o número de alumnas na Escola agora está en torno ao 12,5%.

Pedro Cardona definiu a reunión con Carmela Silva como un encontro "que foi alén da tradicional cooperación institucional e coa que quixemos concretar cousas máis tanxibles para que a Escola Naval sexa un foco de coñecemento que inflúa favorablemente na provincia de Pontevedra". 

Ademais, nesta entrevista fixaron xa unha próxima visita de Carmela Silva a este centro militar de Marín.