A Esdemga participa cun grupo de alumnas e tituladas nunha competición nacional de escolas de moda

Pontevedra
06 de outubro 2014

Vestir á "muller do futuro" para facer de Esdemga a mellor escola de moda de España. O centro do campus figura entre os doce semifinalistas deste certame dotado cun premio de 50.000 euros

Raquel Chapela, Pilar Ullod, Tatiana Rico, Carlota Pérez e Paula Sobrino representan a Esdemga neste concurso
Raquel Chapela, Pilar Ullod, Tatiana Rico, Carlota Pérez e Paula Sobrino representan a Esdemga neste concurso / Universidade de Vigo

Con nada menos que 50.000 euros, a repartir a partes iguais entre o grupo de traballo e a escola da que forman parte, está dotado o primeiro premio da Competición Nacional de Escolas de Moda Talento & Co, que organiza a plataforma Trendipia, e na que os Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga) logrou situarse entre os doce semifinalistas.

Fíxoo coa proposta de colección Human 2.0 que deseñaron as alumnas Paula Sobrino, Tatiana Rico e Raquel Chapela e as tituladas Pilar Ullod e Carlota Pérez, que nestas semanas traballan no deseño dunha marca de moda feminina coa que tentan vestir ⿿á muller do futuro⿝, como elas mesmas sinalan.

O 3 de novembro Esdemga saberá se é unha das seis escolas seleccionadas para a fase final, para a que os equipos terán que confeccionar, como mínimo, seis das propostas que deseñaron na fase anterior, así como definir como sería a súa presentación no acto co que se pechará a competición en Madrid.