A colección gañadora do desfile Debut 2017, creada por José Cortizo, será a que represente aos Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga) na prestixiosa Graduate Fashion Week de Londres, evento no que participarán un total de 49 universidades e escolas de moda de Europa, América e Asia.
A Esdemga será, por segundo ano consecutivo, a única escola española que participará nesta semana da moda, que se celebrará entre os días 3 e 6 de xuño no Truman Brewery de Londres.
Todos estes centros participarán na pasarela internacional que completa o evento, no que 36 universidades e escolas de moda do Reino Unido presentan as creacións dos seus novos titulados.
"A verdade é que o elenco de escolas participantes é impresionante, polo que para nós é extraordinario estar aí", salienta a directora de Esdemga, Lola Dopico, dun evento que congrega "nunha das capitais europeas da moda a escolas que para nós son un referente".
A The New School Parsons de Nova York, o Bunka Fashion College de Xapón, a Shih Chien University de Taiwán, a Universidade das Artes de Berlín ou os institutos Marangoni de París e Milán figuran entre os seleccionados para esta competición internacional.
A colección Weekend Lovers de José Cortizo é a que tomará o relevo de Je ne sais pas de Aida Mosquera, representante da Esdemga na edición anterior.
Para Cortizo esta é una "grande oportunidade para dar a coñecer o meu traballo a un público global", xa que a Graduate Fashion Week "é unha das fontes máis importantes do mundo de novos talentos para a industria do deseño. A iso engade que a visión que Londres ten da moda "caracterízase por unha mentalidade aberta e sen prexuízos".
Sustentada no seu interese tanto pola arquitectura como pola cultura tradicional xaponesa, Weekend Lovers é unha colección na que "horizontalidade e verticalidade" combínanse para crear volumes "a través da superposición, a repetición modular, o escalado de patróns e o plisado manual".
Esta caracterizada tamén pola selección dos tecidos, as tinguiduras manuais ou o uso de bordados artesanais en cristal "con motivos naturalistas de inspiración xaponesa" que, como sinala o seu creador, "falan dunha linguaxe delicada e feminina nunha colección masculina de gran rotundidade nas formas".